Estando as iniciativas asinantes todas a prol dun proceso participativo sen competencia con outras iniciativas para unha única Candidatura Galega na defensa da maioría social, e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito radical democrático de Galiza a decidir, consideramos que é o momento de axudar e impulsar a confluencia dos espazos existentes por iso facemos o seguinte:
CHAMADO ANTE A OPINIÓN PÚBLICA
Os manifestos que asinamos -de diferentes xeitos e con distintos acentos témonos pronunciado a prol dunha CANDIDATURA GALEGA DE BASE CIDADÁ para as próximas eleccións ás Cortes Españolas-, vemos con satisfacción os pasos que nese sentido están a dar plataformas cidadás, partidos políticos e outro tipo de organizacións de base social.
Tamén vemos con satisfacción a existencia de Espazos de inscrición individual, pero pensamos que é cada vez máis urxente que converxan nun Único Espazo de Intervención Cidadá, e non desorientar á cidadanía dicindo case o mesmo desde dous lugares diferentes.
Se hai unha coincidencia case total entre o Encontro Cidadán por unha Marea Galega e a Iniciativa pola Unión, non é difícil facer unha única declaración que recolla o esencial dos obxectivos e do método, para que logo sexa a propia cidadanía inscrita quen decida democraticamente sobre todo o que haxa que decidir.
O común denominador de ambas iniciativas é máis que suficiente para un Chamado Único de Iniciativa pola Unión e do Encontro pola Marea Galega, e podería resumirse en:
OBXECTIVOS: Por UNHA CANDIDATURA GALEGA ÚNICA DE BASE CIDADÁ, para a defensa da Maioría Social e a defensa dos dereitos nacionais de Galiza.
MÉTODO: Radicalidade democrática na que, baixo o principio de “cada persoa, un voto”, se decida o programa da Candidatura —concretando os “obxectivos”— se decida o nome da propia Candidatura e se elixan os membros das candidaturas en primarias abertas a todas as persoas que queiran participar.
Agardamos esta converxencia sen demora para poñer en marcha a bola de neve entre a cidadanía galega, ao tempo que todas esperamos que a partires do dia 13 se poña en marcha ese movemento de adscrición individual en todo o pais sen esperar máis porque a autentica unidade téñena que protagonizar as e os cidadáns.
Galiza, a nove de setembro de 2015
MANIFESTO MIÑOR,
POLA UNIÓN,
SOMOS MAIORÍA e
SOMOS NÓS
Galiza, a 10 de setembro de 2015
Miguel Pernas Cora
Mar Catarina Serantes
Unidade popular.