Como foi xa anunciado, o domingo día 7 reuníronse en Santiago de Compostela asinantes de Somos Maioría provenientes da maioría das comarcas do País.
Tal e como estaba previsto, o encontro serviu para intercambiar opinións e experiencias do que até agora se leva feito e da boa acollida que está a ter o manifesto nas redes sociais.
Persoas de distintos concellos tamén informaron da marcha de iniciativas de candidaturas de unidade cidadá que se están a desenvolver e da ilusión que espertan na cidadanía.
Nesta xuntanza acordouse celebrar entre a totalidade dos asinantes un referendo telemático sobre as seguintes dúas cuestións:
1. Somos maioría debe facer un chamado á cidadanía e aos partidos que concordan cos principios do manifesto, para que a cidadanía participe e os partidos animen á participación dos seus afiliados/as?
2. Somos maioría pode propoñer a confluencia con iniciativas análogas que xurdiron en diversas localidades sempre que cumpran cos principios de transparencia, horizontalidade, radicalidade democrática e apertura que inspiraran o manifesto Somos Maioría?
Para dar cumprimento ao acordado dende o día 21 até o 27 todas as persoas asinantes de Somos Maioría teñen a posibilidade de votar sobre esas dúas preguntas e a ese efecto teñen recibido un correo coas súas claves persoais para poder votar.
Ao remate do referendo e unha vez realizado o reconto deste novidoso sistema de participación na decisión será feito público o resultado.
Galiza a 23 de setembro de 2014