Redondela. Onte tivo lugar o primeiro encontro dos/as asinantes do manifesto Somos Maioría (http://www.somosmaioria.org/) no concello de Redondela, co obxectivo de botar andar o proceso para a posible conformación de candidaturas de unidade cidadá no noso concello.
Os asistentes compartimos o diagnóstico da situación socio-política actual, de inxustiza social e da pobreza que están a xerar as políticas económicas da dereita, da corrupción e da reforma electoral antidemocrática que quere impor o Partido Popular. Acreditan que é necesaria a unidade de acción política e social da maioría da xente, dese 99% que padecemos esas salvaxes medidas que impón a oligarquía económica, e empezar o empoderamento cidadá a través dos concellos.
Daquela, concordamos en avanzar na construción de Somos Maioría en Redondela para entre todos ser quen de artellar esta proposta de confluencia cidadá e novas formas de facer e estar na política. Xa que logo, avogamos por aglutinar esforzos da esquerda social e da esquerda política organizada cunha visión aberta e centrada no país, para acadar os gobernos locais e así defender os interese da maioría social, sexa na sanidade, na educación e servizos sociais públicos como na recuperación do espazo público e do medio ambiente local.
Acordouse convocar o próximo encontro para o lanzamento público de Somos Maioría o día 17 de setembro ás 20:30 e fan un chamamento a todos os veciños a apoiar o manifesto (web) e formar parte activa deste proceso.
Somos Maioría.
Redondela, 4 de setembro 2014