A cidadanía decide

Hoxe demos un pasiño

asemblea de Somos Maioría en Compostela. 07/09/2014
momento da asemblea de Somos Maioría en Compostela. 07/09/2014

Como fora anunciado hoxe domingo día 7, reuníronse en Santiago de Compostela, asinantes de Somos Maioría provenientes da maioría das comarcas do País.

Tal e como estaba previsto, o encontro serviu para intercambiar opinións e experiencias do que até agora se leva feito e da boa acollida que está a ter o manifesto nas redes sociais.

Persoas de distintos concellos tamén informaron da marcha de iniciativas de candidaturas de unidade cidadá que se están a desenvolver e da ilusión que espertan na cidadanía.

Na orde práctica, todas e todos os presentes concordaron en:

  1. Facer un chamamento ás persoas asinantes de cada municipio, a que promovan iniciativas locais de candidaturas unitarias acordes cos principios do manifesto Somos Maioría.
  2. Dar apoio loxístico dende a web para votacións telemáticas nas localidades.
  3. Propoñer á totalidade dos asinantes para que decidan en referendo telemático, que Somos Maioría

    a) Faga un chamado á cidadanía e aos partidos que concordan cos principios do manifesto, – defensa da maioría social; radicalidade democrática e participación directa, e rematar coa corrupción e o espolio do País – para que a cidadanía participe e os partidos animen á participación dos seus afiliados/as.

    b) Acorde propoñer a confluencia con iniciativas análogas que xurdiron en diversas localidades sempre que cumpran cos principios de transparencia, horizontalidade, radicalidade democrática e apertura que inspiraran o manifesto Somos Maioría.