Somos Maioría pide apoios a prol dunha Candidatura Galega ás Xerais

Por petición de moitos asinantes do manifesto inicial de Somos Maioría decidimos impulsar unha consulta telemática sobre a necesidade dunha candidatura única galega para as eleccións a cortes do vindeiro outono.

Tendo sido o resultado que un 98% dos participantes consideraron importante a necesidade dunha Candidatura Galega ás Cortes, unha serie de persoas asinantes propoñemos o seguinte manifesto que se axunta para o seu apoio a título persoal por parte dos cidadáns e cidadás interesadas

Todas aquelas persoas que desexen sumarse non teñen máis que subscribir o manifesto na páxina web somosmaioria.org

Estamos a prol dun proceso participativo sen competencia con outras iniciativas para unha única Candidatura Galega na defensa da maioría social, e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito radical democrático de Galiza a decidir.

Galiza, 3 de xullo de 2015

Convocamos unha consulta telemática para saber a vosa opinión para unha candidatura galega ás eleccions xerais de outono

PARTICIPA E ANIMA A PARTICIPAR

Ante a petición de moitas persoas asinantes do manifesto inicial de Somos Maioría decidimos impulsar, e xa se está a celebrar porque teredes recibido un correo como asinante inicial do manifesto, unha consulta telemática sobre a necesidade dunha candidatura única galega para as eleccións a Cortes do vindeiro outono, do seguinte teor:

“PARABENS A TODAS AS CANDIDATURAS DE UNIDADE CIDADÁN

Estamos a recibir na web do Somos Maioría mensaxes de congratulación e compartindo a ledicia duns resultados nas eleccións aos concellos galegos moi alentadores e que abren perspectivas de ilusión para a cidadanía. Enviámosvos esta comunicación para compartir estas mensaxes, aínda que sabemos que Somos Maioría só foi unha achega máis que se algo tivo en positivo foi animar e alentar un traballo que moita xente e en diversas iniciativas estaba na idea de realizar.

A comunicación horizontal que se xerou entre asinantes do manifesto contribuíu tamén en algo a que sen inxerencias de ninguén, florecesen ao seu xeito, con maior ou menor vigor, iniciativas que hoxe enchen de ledicia e ilusión moitas persoas.

Chegan tamén á web peticións de persoas asinantes e grupos locais que ven necesidade de que esta experiencia cidadá exitosa nos concellos, sirva para novas iniciativas de unidade cidadá.

Os asinantes iniciais non nos consideramos por ese feito con máis dereitos que ninguén pero quen temos coordinado este espazo de comunicación e entendemento en que deveu o manifesto, considerámonos obrigados a partillar a información e propostas que nos chegan e por iso vos preguntamos se ..

Credes que debemos, sen competencia ningunha con outras iniciativas que xurdan, chamar a unha única candidatura cidadá galega guiada polos obxectivos do manifesto Somos Maioría e protagonizada directamente pola cidadanía para contribuír á consecución dun Grupo Parlamentar Galego en Madrid na defensa da maioría social e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito da Galiza a decidir?”

Todas aquelas persoas que desexedes incorporarvos á consulta non tedes máis que subscribir o manifesto inicial de Somos Maioría na páxina web http://www.somosmaioria.org se é que non o tedes feito xa dende aquela. Podedes animar tamén a persoas amigas, compañeiras e coñecidas a asinalo e a participar.

En breves datas faremos público o resultado da consulta que de ser afirmativo abriría un proceso participativo, sen competencia con outras iniciativas, a prol dunha única Candidatura Galega na defensa da maioría social, e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito radical democrático de Galiza a decidir.

Un saúdo de Mar Catarina Serantes Rubianes e Miguel Pernas Cora