VARIAS INICIATIVAS PEDIMOS A CONFLUENCIA DE “INICIATIVA POLA UNION”E “ENCONTRO CIDADAN PARA UNHA MAREA GALEGA” A PROL DUNHA ÚNICA CANDIDATURA GALEGA CIDADÁN PARA AS XERAIS

Estando as iniciativas asinantes todas a prol dun proceso participativo sen competencia con outras iniciativas para unha única Candidatura Galega na defensa da maioría social, e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito radical democrático de Galiza a decidir, consideramos que é o momento de axudar e impulsar a confluencia dos espazos existentes por iso facemos o seguinte:

CHAMADO ANTE A OPINIÓN PÚBLICA

Continúe lendo VARIAS INICIATIVAS PEDIMOS A CONFLUENCIA DE “INICIATIVA POLA UNION”E “ENCONTRO CIDADAN PARA UNHA MAREA GALEGA” A PROL DUNHA ÚNICA CANDIDATURA GALEGA CIDADÁN PARA AS XERAIS

Somos Maioría pide apoios a prol dunha Candidatura Galega ás Xerais

Por petición de moitos asinantes do manifesto inicial de Somos Maioría decidimos impulsar unha consulta telemática sobre a necesidade dunha candidatura única galega para as eleccións a cortes do vindeiro outono.

Tendo sido o resultado que un 98% dos participantes consideraron importante a necesidade dunha Candidatura Galega ás Cortes, unha serie de persoas asinantes propoñemos o seguinte manifesto que se axunta para o seu apoio a título persoal por parte dos cidadáns e cidadás interesadas

Todas aquelas persoas que desexen sumarse non teñen máis que subscribir o manifesto na páxina web somosmaioria.org

Estamos a prol dun proceso participativo sen competencia con outras iniciativas para unha única Candidatura Galega na defensa da maioría social, e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito radical democrático de Galiza a decidir.

Galiza, 3 de xullo de 2015

Convocamos unha consulta telemática para saber a vosa opinión para unha candidatura galega ás eleccions xerais de outono

PARTICIPA E ANIMA A PARTICIPAR

Ante a petición de moitas persoas asinantes do manifesto inicial de Somos Maioría decidimos impulsar, e xa se está a celebrar porque teredes recibido un correo como asinante inicial do manifesto, unha consulta telemática sobre a necesidade dunha candidatura única galega para as eleccións a Cortes do vindeiro outono, do seguinte teor:

“PARABENS A TODAS AS CANDIDATURAS DE UNIDADE CIDADÁN

Estamos a recibir na web do Somos Maioría mensaxes de congratulación e compartindo a ledicia duns resultados nas eleccións aos concellos galegos moi alentadores e que abren perspectivas de ilusión para a cidadanía. Enviámosvos esta comunicación para compartir estas mensaxes, aínda que sabemos que Somos Maioría só foi unha achega máis que se algo tivo en positivo foi animar e alentar un traballo que moita xente e en diversas iniciativas estaba na idea de realizar.

A comunicación horizontal que se xerou entre asinantes do manifesto contribuíu tamén en algo a que sen inxerencias de ninguén, florecesen ao seu xeito, con maior ou menor vigor, iniciativas que hoxe enchen de ledicia e ilusión moitas persoas.

Chegan tamén á web peticións de persoas asinantes e grupos locais que ven necesidade de que esta experiencia cidadá exitosa nos concellos, sirva para novas iniciativas de unidade cidadá.

Os asinantes iniciais non nos consideramos por ese feito con máis dereitos que ninguén pero quen temos coordinado este espazo de comunicación e entendemento en que deveu o manifesto, considerámonos obrigados a partillar a información e propostas que nos chegan e por iso vos preguntamos se ..

Credes que debemos, sen competencia ningunha con outras iniciativas que xurdan, chamar a unha única candidatura cidadá galega guiada polos obxectivos do manifesto Somos Maioría e protagonizada directamente pola cidadanía para contribuír á consecución dun Grupo Parlamentar Galego en Madrid na defensa da maioría social e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito da Galiza a decidir?”

Todas aquelas persoas que desexedes incorporarvos á consulta non tedes máis que subscribir o manifesto inicial de Somos Maioría na páxina web http://www.somosmaioria.org se é que non o tedes feito xa dende aquela. Podedes animar tamén a persoas amigas, compañeiras e coñecidas a asinalo e a participar.

En breves datas faremos público o resultado da consulta que de ser afirmativo abriría un proceso participativo, sen competencia con outras iniciativas, a prol dunha única Candidatura Galega na defensa da maioría social, e para instaurar unha democracia real que comece polo dereito radical democrático de Galiza a decidir.

Un saúdo de Mar Catarina Serantes Rubianes e Miguel Pernas Cora

Somos Maioría pon á disposición da cidadanía un “partido instrumental” para concorrer ás eleccións municipais

20150408_175831Compareceron hoxe en rolda de prensa Mar Catarina Serantes e Miguel Pernas Cora para dar conta da marcha das actuacións derivadas dos acordos dos asinantes do Manifesto Somos Maioría do mes de xullo de 2014 para propiciar e facilitar a presentación de candidaturas de unidade cidadá. En todo momento deixaron ben claro que non son representantes de candidatura ningunha senón simples facilitadores desta cobertura.

O primeiro paso dado foi unha consulta telemática para poñer en contacto ás persoas asinantes que o solicitasen e con posterioridade a petición de varias iniciativas de candidaturas locais proceder á legalización dun partido instrumental que permitise e facilitase a presentación de todas aquelas candidaturas cidadás que ao abeiro dos principios de Somos Maioría de participación directa e sen discriminación ningunha se constituísen.

Así pois persoas de Somos Maioría vimos de formalizar o partido instrumental Participación Democracia Directa de Galiza (PDDdG) co fin de dar cobertura legal, directa ou en coalición a todas aquelas candidaturas cidadás -con total autonomía e coa denominación local que decidisen-, que xurdiran ao abeiro do seu manifesto. As candidaturas que así o decidan terán ata o 18 de abril ao seu dispor esta ferramenta legal para concorrer ás eleccións.

Neste momento encontramos xa arredor dunha vintena de candidaturas que teñen traballado e acollido ao partido instrumental PDDdG, estando outras pendentes de decisión ou de tramitación.

Galiza, a 8 de abril de 2015

ASINANTES DE SOMOS MAIORÍA DECIDIRON EN REFERENDO ABERTO DAR IMPULSO ÁS CANDIDATURAS DE UNIDADE CIDADÁ

SOMOS MAIORIA remate votacion

As persoas asinantes de Somos Maioría acordaron en referendo aberto:

  1. Facer un chamado á cidadanía e aos partidos que concordan cos principios do manifesto, para que a cidadanía participe e os partidos animen á participación dos seus afiliados/as.
  2. Propoñer a confluencia local con iniciativas análogas sempre que cumpran cos principios de transparencia, horizontalidade, radicalidade democrática e apertura que inspiraran o manifesto Somos Maioría.

Estas dúas propostas saídas da reunión de persoas asinantes de Somos Maioría, celebrada o pasado día 7 de setembro en Santiago, foron referendadas polo 96,8% e 95,4% respectivamente.

O referendo telemático celebrado dende o día 21 até hoxe ás 12 horas, puxo de manifesto a posibilidade de posta en práctica da democracia directa cunha ferramenta segura e auditábel que garante o segredo do voto. A familiarización das persoas cun procedemento de votación novo para a maioría, resultou fácil e posibilitou unha alta participación, máis do 60%, sen apenas incidencias e que se solucionaron facilmente.

 

Galiza 27 de setembro de 2014

TODAS AS PERSOAS ASINANTES DE SOMOS MAIORIA DECIDEN EN REFERENDO TELEMÁTICO

Como foi xa anunciado, o domingo día 7 reuníronse en Santiago de Compostela asinantes de Somos Maioría provenientes da maioría das comarcas do País.

Tal e como estaba previsto, o encontro serviu para intercambiar opinións e experiencias do que até agora se leva feito e da boa acollida que está a ter o manifesto nas redes sociais.

Persoas de distintos concellos tamén informaron da marcha de iniciativas de candidaturas de unidade cidadá que se están a desenvolver e da ilusión que espertan na cidadanía.

Nesta xuntanza acordouse celebrar entre a totalidade dos asinantes un referendo telemático sobre as seguintes dúas cuestións:

1. Somos maioría debe facer un chamado á cidadanía e aos partidos que concordan cos principios do manifesto, para que a cidadanía participe e os partidos animen á participación dos seus afiliados/as?

 2. Somos maioría pode propoñer a confluencia con iniciativas análogas que xurdiron en diversas localidades sempre que cumpran cos principios de transparencia, horizontalidade, radicalidade democrática e apertura que inspiraran o manifesto Somos Maioría?

 Para dar cumprimento ao acordado dende o día 21 até o 27 todas as persoas asinantes de Somos Maioría teñen a posibilidade de votar sobre esas dúas preguntas e a ese efecto teñen recibido un correo coas súas claves persoais para poder votar.

Ao remate do referendo e unha vez realizado o reconto deste novidoso sistema de participación na decisión será feito público o resultado.

Galiza a 23 de setembro de 2014

Asemblea aberta de Somos Maioría de Redondela

O MÉRCORES, 17 DE SETEMBRO ÁS 20:00H NA CASA DA CULTURA

Neste encontro falarase do escenario e contexto político actual para a conformación real dunha candidatura cidadá alternativa para as eleccións municipais en 2015, conformada tanto pola esquerda social cidadá como pola esquerda política organizada e súa necesaria integración. Tamén se pretende iniciar a reflexión colectiva sobre a materialización dos principios do manifesto en propostas de acción política municipal para o Concello de Redondela.

Animamos a todos os veciños a asinar o manifesto Somos Maioría (http://www.somosmaioria.org/)  e ser participe deste proceso cidadá asistindo ás asembleas e espallando pola rede a proposta.

Redondela, 16 de setembro 2014

A cidadanía decide

Hoxe demos un pasiño

asemblea de Somos Maioría en Compostela. 07/09/2014
momento da asemblea de Somos Maioría en Compostela. 07/09/2014

Como fora anunciado hoxe domingo día 7, reuníronse en Santiago de Compostela, asinantes de Somos Maioría provenientes da maioría das comarcas do País.

Tal e como estaba previsto, o encontro serviu para intercambiar opinións e experiencias do que até agora se leva feito e da boa acollida que está a ter o manifesto nas redes sociais.

Persoas de distintos concellos tamén informaron da marcha de iniciativas de candidaturas de unidade cidadá que se están a desenvolver e da ilusión que espertan na cidadanía.

Na orde práctica, todas e todos os presentes concordaron en:

  1. Facer un chamamento ás persoas asinantes de cada municipio, a que promovan iniciativas locais de candidaturas unitarias acordes cos principios do manifesto Somos Maioría.
  2. Dar apoio loxístico dende a web para votacións telemáticas nas localidades.
  3. Propoñer á totalidade dos asinantes para que decidan en referendo telemático, que Somos Maioría

    a) Faga un chamado á cidadanía e aos partidos que concordan cos principios do manifesto, – defensa da maioría social; radicalidade democrática e participación directa, e rematar coa corrupción e o espolio do País – para que a cidadanía participe e os partidos animen á participación dos seus afiliados/as.

    b) Acorde propoñer a confluencia con iniciativas análogas que xurdiron en diversas localidades sempre que cumpran cos principios de transparencia, horizontalidade, radicalidade democrática e apertura que inspiraran o manifesto Somos Maioría.

SOMOS MAIORIA FARÁ REFERENDO TELEMÁTICO ENTRE TODOS OS ASINANTES

SOMOS MAIORÍA EXPÁNDESE POLOS CONCELLOS GALEGOS

Asinantes de Somos Maioría reuníronse hoxe en Santiago de Compostela nunha xuntanza nacional para realizar un intercambio de ideas e posta en común dos principios enunciados no propio manifesto co fin de alentar á promoción de candidaturas en todos os municipios.

Os presentes acordaron realizar votacións entre a totalidade dos asinantes para decidir os pasos a seguir a partir de agora. A ferramenta proposta é o voto telemático, xa que posibilita a participación da totalidade das persoas que asinaron ata o de agora.

As primeiras dúas preguntas que se trasladarán aos asinantes, son as seguintes:

Por un lado, a posibilidade de facer un chamado á cidadanía e aos partidos que concordan cos principios do manifesto, defensa da maioría social, radicalidade democrática e participación directa e rematar coa corrupción e o espolio do País para que se sumen á participación neste  proceso.

Por outro, consultar sobre a confluencia con iniciativas análogas que xurdiron en diversas localidades sempre que cumpran cos principios de transparencia, horizontalidade, radicalidade democrática e apertura que inspiraran o manifesto Somos Maioría.

Mediante estas votacións, Somos Maioría incide na necesidade de que a cidadanía sexa a protagonista do proceso de construción das candidaturas de unidade.

Compostela, 7 de setembro de 2014

ASINANTES DE SOMOS MAIORÍA VENSE ESTE DOMINGO EN SANTIAGO NUNHA XUNTANZA NACIONAL

Ante a demanda de moitas persoas que asinan o manifesto Somos  Maioría de contactar entre elas con outros asinantes de diversas localidades ou propoñendo unha reunión nacional na que intercambiar puntos de vista e que sirva para animar a promoción de candidaturas en todos os municipios.

As asinantes iniciais non considerándose por ese feito con máis dereitos que ninguén están dispostas axudar a crear un espazo de entendemento para que poida darse esa transformación que todas e todos desexamos:

Promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación.

Promover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego.

Por iso convócase aos asinantes que queiran vir para que nos vexamos o próximo domingo 7 de setembro ás 10 da mañá no Hotel Santiago Apostol na Costa de San Marcos de Santiago de Compostela.

Galiza 5 de setembro de 2014